martes, 23 de noviembre de 2010

idealistas

Lin hai pouco un perfil dun político que se presenta ás próximas eleccións catalanas. O artigo tachaba ao líder dunha formación de esquerdas de “idealista”. Chamáballe idealista, supoño, como lle podía chamar paspán, parvo ou amante das películas de Woody Allen. A mensaxe era alta e clara, un voto desperdiciado o de aquel que ouse depositar a papeleta co seu nome impreso o día antes de que Barça e Madrid diriman o que de verdade importa. Ten razón Aute cando di que se a que a dereita e diestra e a esquerda siniestra non poden dicirnos que a linguaxe non é política. Mortas as ideoloxías, é de supoñer que só quedan idealistas, poucos, mentres proliferan, noutra volta da linguaxe, ‘fascistas’ aínda que a atitude da maioría dos así tachados pouco ten que ver cos horrores que marcaron Europa a lume e sangue no pasado século, e si máis coa súa incultura, ausencia de ética ou simple educación. Aí están os Dragós e Sostres que pululan polas teles de nova creación. Eles descualificanse polo simple sentido común sen a necesidade de que ninguén pida as súas cabezas e queimar os seus libros nunha actitude, esta sí, que emparenta máis coas manías do vello fascio, e que só serve para gardar, uns intres, as propias vergoñas. Nada é inocente. Máis medo infunde o que agrede co seu silencio que o berra nunha terertulia etílica. Xa que non hai ideoloxías, convencéronnos tamén de que todas as políticas son iguais, polo que o mesmo dá quen as interprete. Non é certo, máis a cidadania parece instalada nunha espiral amparada na táctica do voto útil. Un voto que, o exemplo está á vista, non serve de nada. Ninguén sae presidente entonando o pero eu non quería. Non vexo por qué hai que lamentarse das súas renuncias a prol do ben público. A un ex presidente se lle paga un soldo vitalicio non incompatible con outros ingresos para que acabe avogando pola legalización das drogas, criticando a ruina do sistema ou lamentando esta xuventude malpagada. No tempo que gobernou estivo moi ocupado mantendo o mesmo sistema que agora critica. Habería que pensar en que facer cos ex presidentes. Aínda que fora por vergoña allea. Pero destas preguntas mellor pasar nas entrevistas.

Seguir lendo idealistas

No hay comentarios:

Publicar un comentario